Denuncian a "pésima xestión" no servizos de Xinecoloxía do Hospital Provincial e nas Urxencias de Montecelo
Por Redacción
O Sindicato de Enfermaría, SATSE, denuncia unha vez máis a "pésima xestión de recursos e persoal" da Xerencia e a Dirección de Enfermaría nos Servizos de Xinecoloxía en Hospital Provincial e nos de Urxencias de Montecelo.
Segundo explica SATSE, as enfermeiras de Xinecoloxía do Hospital Provincial sufriron unha reestruturación en outono debida á redución das estanzas hospitalarias das pacientes de xinecoloxía, motivada polas novas técnicas operatorias. Por este motivo, asignáronse a esta planta de hospitalización novos pacientes de nefroloxía e cirurxía. O conflito xurdiu cando as enfermeiras sufriron non só unha redución de persoal, senón tamén un incumprimento dos compromisos da dirección, que acordara reforzar persoal en caso de superarse un determinado número de pacientes.
Maite Joaquín, secretaria de Acción Sindical de SATSE, denuncia que o problema non é un feito puntual, senón que se comete de forma reiterada: "A quenda de mañá é o máis afectado, posto que hai unha gran carga laboral concentrada nas primeiras horas: analíticas, ingresos para cirurxía, medicación, constantes, etc. Por se fose pouco, é unha das plantas hospitalarias que sofre ingresos de pacientes ectópicos, cando outras situacións son máis axeitadas, como as de medicina interna".
A delegada de SATSE explica outro asunto sen resolver, un problema interno que afecta a todo o persoal e, o que é moi grave, repercute na calidade de asistencia ao paciente, encistado dende hai moito tempo no Servizo de Urxencias do Hospital Montecelo: a supervisora de urxencias non é capaz de coordinar este servizo, é incapaz de levalo ao seu mellor rendemento e ten os traballadores en estado de crispación por unhas maneiras intolerables no trato persoal".
SATSE denunciou ante o Comité de Seguridade e Saúde o trato que esta supervisora dá a profesionais e pacientes; pero ante a falta de resposta, elevará ao Comité Central de Santiago de Compostela unha nova denuncia que incluirá a dirección por "permitir a violencia dun mando intermedio".
Segundo aclara Maite Joaquín Suárez, o Sindicato de Enfermaría insistiu na resolución inmediata dos conflitos, para o que falaron en "innumerables ocasións" coa dirección e ofrecido a súa "axuda e apoio no que se precise". Entre algunhas das súas propostas están a esixencia dun manual de organización interna ou a asignación dun profesional da resolución de conflitos.