Dous detidos por retirar 8.650 euros da conta dun pontevedrés sen permiso
Por Redacción
A Policía Nacional detivo dous veciños de Marín como presuntos responsables de ter retirado 8.650 euros en 16 operacións diferentes da conta bancaria dun veciño de Pontevedra. Unha das detidas recoñeceu ter collido a tarxeta do denunciante e ter sacado diñeiro dos caixeiros ao tempo que aseguraba estar arrepentida.
Os dous detidos son un home de 48 anos con antecedentes policiais e unha muller de 50 anos aos que se atribúe un delito de estafa por utilizar de forma fraudulenta a tarxeta bancaria da vítima.
A investigación que concluíu coa súa detención comezou o 4 de marzo, cando veciño de Pontevedra denunciou na Oficina de Denuncias e Atención ao Cidadán da Comisaría Provincial de Pontevedra que no momento de actualizar a súa libreta bancaria observou que lle constaban unha serie de retiradas de diñeiro en efectivo en caixeiros que el non efectuara.
O denunciante carecía de tope diario para retirar diñeiro e afirmaba non ter extraviado nunca a tarxeta, de modo que se abriu unha investigación para intentar descubrir todos os datos posibles sobre os reintegros efectuados.
Tras diversas e arduas xestións os axentes descubriron a identidade das persoas que retiraran o diñeiro e este martes 10 de marzo detiveron a muller pola mañá e ao varón pola tarde.