Dous detidos polo atraco a punta de pistola nunha herboristería
Por Redacción
A Policía Nacional conseguiu aclarar o atraco a punta de pistola rexistrado hai unha semana nunha herboristería do casco histórico. Por ese roubo foron detidos dous veciños de Pontevedra con antecedentes policiais.
Os feitos sucederon sobre as 20.10 horas da tarde do luns 2 de marzo. A propietaria do local, situado na rúa Ponte, estaba no mostrador cando chegaron dous individuos. Un deles levaba unha arma de fogo na man e ameazouna para que lle entregase o diñeiro da caixa rexistradora.
Nese momento saíu da trastenda o marido da dona e acabaron entregando aos asaltantes todo o diñeiro, incluídas as moedas. Sumaba un total de 120 euros e, unha vez que o tiveron no seu poder, saíron fuxindo do establecemento.
Dende a herboristeria chamaron á Comisaría e iniciouse unha investigación que permitiu identificar os dous presuntos autores, que perpetraron o atraco co rostro cuberto. Trátase de dous veciños de Pontevedra de 46 e 37 anos e ambos os dous foron localizados a primeira hora da mañá deste martes 10 de marzo, oito días despois do roubo.
Os axentes atribuíronlle a ambos os dous un delito de roubo con intimidación polo que, tras prestar declaración en dependencias policiais, foron postos a disposición xudicial.