O goberno local de Marín informa os voceiros municipais do expediente aberto polo Tribunal de Contas
Por Redacción
Este mércores celebrouse no Concelo de Marín unha reunión da Xunta de Voceiros, solicitada polo grupo municipal do Partido Socialista para recibir información respecto ao expediente aberto polo Tribunal de Contas.
Dende o goberno local explicáronlles que o proceso está en trámite e que nestes momentos o concello remitiu toda a documentación demandada e "as xustificacións claras referentes a todos os extremos solicitados", no prazo que daban de cinco días.
Dende a Alcaldía entregaron aos representantes da oposición un escrito no que se pon de relevo que as alegacións presentadas "forman parte dun expediente que non é puramente o administrativo e en consecuencia mentres os feitos estean a dilucidarse a documentación á que tiveron acceso é a que consta no expediente".
"Cremos que máis que ter interese en saber, tiñan interese en que se dubide das xustificacións realizadas ", aseguraron dende o goberno local.
O equipo da alcaldesa María Ramallo segue defendendo "a capa e espada" todos os aspectos cuestionados polo Tribunal de Contas e criticou os socialistas o "secretismo" co que se trataron algúns temas durante as súas etapas no goberno local, sendo alcalde Francisco Veiga e anteriormente, Antonio Santiago.
"Cremos que todo obedece a querer entorpecer os labores do goberno previos á campaña electoral", afirmaron dende o goberno local en referencia á actitude do PSOE e á "política destrutiva" do BNG, cualificando a actitude da representante de Mar-In de "máis conciliadora".
Relacionadas:
-
O Tribunal de Contas arquiva o expediente aberto ao Concello de Marín
Por Redacción |
-
O PSOE de Marín pide unha reunión da xunta de voceiros para informar das dilixencias do Tribunal de Contas
Por Redacción |
-
A reclamación do Tribunal de Contas xera controversia entre o goberno local de Marín e a oposición
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno local de Marín alega contra o expediente aberto polo Tribunal de Contas
Por Redacción |