Ponte Caldelas ingresa 10.000 euros anuais polos postos do mercadiño
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas ingresa 10.000 euros anuais relacionados coa actividade do mercado, fondos que posteriormente destina á organización de eventos e ao apoio do comercio local.
A Administración local ten estes ingresos dende que se puxo en marcha o regulamento municipal de venda ambulante, que supuxo a regularización dunha actividade que, co paso do tempo, se convertera nunha materia pendente. Unha vez que o Concello dispuxo de Policía Local para poder realizar labores de control e vixilancia sobre o cumprimento do regulamento, púidose afrontar esta tarefa.
Segundo informou o Concello a través dun comunicado, a práctica totalidade dos máis de 100 comerciantes ambulantes renovaron estes primeiros meses de 2015 o seu permiso para ocupar un espazo no mercado de Ponte Caldelas durante o ano 2015, instalado na Alameda e as súas inmediacións e que se celebra os días 5 e 20 de cada mes.
Con esta medida complétase o proceso de regularización desta actividade no municipio que se fixo por fases e que comezou en maio de 2012 coa aprobación polo Pleno da Corporación do citado regulamento. A principios de 2013 por primeira vez regularizouse xa a instalación dos vendedores ambulantes que pasaron a pagar a correspondente taxa instalándose un total de 110 postos.
Dende o pasado mes de decembro procedeuse ao trámite de renovación das autorizacións. O regulamento municipal fixa nun prezo de 50 céntimos por metro e día o posto na feira.
O alcalde, Perfecto Rodríguez, manifestou a súa satisfacción pola renovación da práctica totalidade dos vendedores ambulantes non só polo que representa de consolidación para Ponte Caldelas do seu mercado ambulante senón tamén pola tranquilidade que supón para o consumidor e usuario a regularización desta actividade, ao tempo que xera ingresos para as arcas municipais, tan necesitadas nestes tempos de crise.