Unha sinatura máis en apoio da reciclaxe e contra a incineración de residuos
Por Redacción
A Iniciativa Lexislativa Popular que impulsa Adega contra a incineración de lixo e a favor de potenciar as chamadas "tres R", que son "redución, reutilización e reciclaxe", suma unha nova firma. A do alcalde de Pontevedra con quen se reuniron varios membros desta asociación ecoloxista. Este encontro forma parte da campaña emprendida para que este asunto debátase no Parlamento galego.
Segundo explicou o secretario executivo de Adega, Fins Eirexas, esta iniciativa, que comparte con outros colectivos, comezou a xestarse a mediados de xuño en toda Galicia, co obxectivo final de "primar a reciclaxe e frear a incineración como sistema de tratamento de lixo que o Partido Popular quere perpetuar no país". Tamén se trata, engade, de "sensibilizar á cidadanía sobre a necesidade dunha xestión correcta e sostible dos residuos".
A asociación ecoloxista denuncia que actualmente Sogama recicla "o cero por cento" das residuos orgánicos que recibe dos concellos galegos. "O tratamento de residuos que se fai neste país é caótico", afirmou Fins Eirexas, quen recordou que de cara a 2020 Europa esixe que a reciclaxe de residuos alcance o 50 por cento do total.
Esta iniciativa popular coincide coa posta en marcha en Pontevedra dun programa piloto polo que unhas 50 familias do rural pontevedrés experimentarán coa compostaxe, que converte os residuos orgánicos en abono, reducindo a cantidade de lixo que xera un núcleo familiar. Trátase dun proxecto que, se ten éxito, podería ampliarse, segundo o alcalde, a máis zonas da cidade.