O BNG de Vilagarcía denuncia que colexios e pavillóns "non cumpren coa hixiene precisa"
Por Redacción
O BNG de Vilagarcía de Arousa realizará esta semana unha campaña informativa dirixida ás familias co fin de poñer en coñecemento das mesmas a "situación de falla de limpeza existente nos centros de ensino" da localidade.
Os nacionalistas sosteñen que a "drástica redución" das horas de limpeza nos centros de ensino, así coma nos pavillóns e outras instalacións que forman parte dos mesmos "están provocando que o desenvolvemento das diferentes actividades educativas se leve a cabo nunhas condicións que non cumpren coa hixiene precisa".
O BNG denuncia que "o Concello está permitindo que a empresa concesionaria de limpeza incumpra o prego de condicións do contrato establecido ao reducir o número de horas nos diferentes edificios".
Engade que dende o Goberno local que preside o popular Tomás Fole "están obrigando a negociar ás direccións dos diferentes centros que aulas se limpan cada día, quedando incompleta por tanto a diario a limpeza dos edificios nos que transcurre o día a día das nosas fillas e fillos".
Os nacionalistas tamén cuestionan que a delegación territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria permita que se realicen actividades fora dos horarios escolares "obrigando aos centros a ceder os seus espazos, e impoñendo así unha situación de falta de hixiene que pon en risco sanitario a toda comunidade educativa".