Inician as obras de construción da depuradora de Buchabade
Por Redacción
A nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Buchabade, en Ponte Caldelas, está máis preto de entrar en funcionamento tras o inicio das obras de construción da instalación, que irá enterrada para minimizar o seu impacto visual.
O alcalde, Perfecto Rodríguez, visitou os traballos de escavación na parcela, previos á instalación da maquinaria da EDAR, prevista para os próximos días.
A previsión é que a depuradora poida estar finalizada en primavera para que antes do verán o núcleo de Buchabade conte con rede de sumidoiros.
A obra execútaa a empresa Construcciones y Proyectos Abilleira cun presuposto de 75.752 euros.
Unha vez rematada dará servizo aos colectores para o saneamento de fecais instalados na zona en 2010, pero que se encontran fóra de uso mentres non se conclúa a EDAR.
Segundo explica o Concello de Ponte Caldelas, a construción desta estación viuse atrasada con respecto ás previsións iniciais debido ao proceso de expropiación da parcela de 1.000 metros cadrados escollida polos técnicos, un proceso que se pechou o pasado verán.