Chourizo recheo con alfinetes, un regalo envelenado para Marlene
Por Natalia Puga
Marlene correu perigo esta fin de semana. Non só ela, senón calquera persoa ou animal que frecuente a avenida de Monteiro Ríos e o ámbito do instituto Valle Inclán. O risco chegoulle en forma de chourizo. Alguén deixara escondido un embutido recheo con alfinetes nas escaleiras de acceso á Alameda e esta cadela de apenas dous anos estivo a punto de comelo, chegando a salvarse só por cuestión de segundos.
Carlos é o dono de Marlene e estaba a paseala xunto á súa segunda mascota, Panda, ás 7.30 horas da mañá do sábado 14 de febreiro cando se encontraron ese regalo envelenado. Nun momento dado, a cadeliña quedouse atrás e el viu que se levaba á boca algo que brillaba, de modo que se achegou. "Fui rápido y se lo quité. Era un chorizo lleno de pinchos", relata este pontevedrés visiblemente indignado co achado.
Marlene non chegou a comer o chourizo porque "tiene la boca pequeña y solo llegó a quitar un poco de carne entre los pinchos", pero a mala sorte puido facer que fose Panda quen encontrara o botín. Este can de maior tamaño si tería podido comelo e o seu dono está seguro de que tería sido a súa final, xa que no embutido que localizou se contaban ata 40 alfinetes colocados coa punta cara ao interior da carne.
Carlos chama a atención sobre outra circunstancia. Ao igual que a súa mascota localizou o chourizo, o protagonista da historia puido ser calquera neno dos que habitualmente xoga ou pasea por esta zona frecuentada por familias; algún dos alumnos do próximo instituto Valle Inclán e, en xeral, calquera viandante.
A este hostaleiro pontevedrés faláranlle de que nos últimos meses se localizaron salchichas con pinchos noutras zonas dos arredores da cidade, pero nunca creu que fose a encontrarse el un obxecto destas características, pois "es la mítica cosa que crees que le pasa a otros o que es una leyenda urbana, no te llegas a creer que haya gente con tanta malicia como para hacer eso". Agora que lle pasou, denuncia a situación e xa puxo os feitos en coñecemento da Policía.
As características do chourizo -necesariamente foi manipulado por unha persoa- e do lugar onde apareceu -escondido ao lado das escaleiras- fixeron saltar todas as sospeitas de Carlos. Nese momento botou unha ollada ao ámbito e viu unha persoa sospeitosa. Eran as 7.30 horas da madrugada e a zona estaba practicamente baleira, pero viu unha persoa en pleno Montero Ríos. A súa impresión é que puido ter algo que ver co perigoso chourizo.