AGE leva ao Parlamento a "desfeita" da última vertedura dos Praceres
Por Redacción
Alternativa Galega de Esquerda (AGE) levou ao Parlamento de Galicia os acontecementos dos últimos días no banco marisqueiro dos Praceres, onde se produciu unha vertedura de augas residuais supostamente procedente da depuradora. O deputado Juan Fajardo cualifica a situación de "desfeita" e asegura que foi "provocada pola Xunta de Galicia ao permitir esta vertedura que pode tirar por terra o conxunto do traballo realizado polas xentes do mar".
O grupo parlamentario de AGE esixe á Xunta de Galicia que explique que informes avalaron a autorización da depuradora dos Praceres para facer unha vertedura á Ría de Pontevedra e se ten previsto asumir as responsabilidades desta "aberrante" decisión con graves consecuencias para os sectores produtivos afectados na zona.
Ante a gravidade do sucedido, AGE considera necesario que se depuren as responsabilidades e que se habiliten os mecanismos de compensación económica para os afectados, de tal forma que os que se teñan beneficiado desta "aberración" paguen e entendan que existen outras formas de exercer e articular mecanismos de solución de problemas que non atenten contra a continuidade e pervivencia dun sector tan importante como o marisqueiro.
O deputado sinala que esta nova decisión do "irresponsable" Goberno galego pode "condenar" a rexeneración dunha xa moi afectada zona de marisqueo que as profesionais do sector levan anos loitando para recuperar.
Ao respecto, sinala que as mariscadoras están a ver como a Xunta de Galicia "nunha actitude impropia dunha administración responsable que debera velar polo interese público", vólvese a colocar do lado da empresa "mirando unicamente polo seu interese" e permitindo unha vertedura para realizar obras de arranxo no colector, xa que "é o máis barato para a concesionaria".
"Unha vez máis queda demostrada a incompetencia dos responsables da Consellería e de Augas de Galicia, incapaces de entender que o maior problema para a produtividade das nosas rías é a contaminación, e que continúan a autorizar veteduras das empresas privadas sen apenas ruborizarse", denunciou Fajardo.
Relacionadas:
-
O PSdeG-PSOE leva ao Parlamento a última vertedura da depuradora dos Praceres
Por Redacción |
-
Os socialistas chaman 'mamporreiro' a Moreira por pedirlle á Xunta unha análise das redes de saneamento da Ría
Por Redacción | Creada e actualizada
-
As mariscadoras de Lourizán paran a actividade na depuradora ante unha vertedura de residuais en Praceres
Por Redacción |