Os servizos sociais atenderon a máis de cen familias de Ponte Caldelas en 2014
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas destinou en 2014 ao redor de 150.000 euros propios e doutras administracións públicas á atención a familias e persoas en situación de especial vulnerabilidade social.
O alcalde, Perfecto Rodríguez, agradeceu a profesionalidade e dedicación demostrada polas responsables do departamento de Servizos Sociais do Concello e destacou que en total máis de 100 familias reciben distintas axudas económicas directas do Concello.
Rodríguez destacou que, ademais de programas como Teleasistencia ou o Programa Xantar na Casa ou o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que aglutinan a maior porcentaxe do presuposto, dende os Servizos Sociais se fai especial fincapé en atender casos relacionados con asuntos de emerxencia social. Neste senso, realizáronse dende o pagamento de recibos de luz, tratamentos médicos, facilitar a asistencia a logopedas, arranxo de vivendas ou adquisición de electrodomésticos ou pagamento de aluguer.
O programa de Educación e Apoio Familiar interveu en 29 unidades familiares nos que conviven un total de 38 menores. Este programa, cunha duración aproximada de dous anos, considera aspectos de educación familiar como a organización doméstica, economía, pautas de educación aos menores, adquisición de competencias persoais e habilidades sociais, orientación laboral e acompañamento no proceso educativo.
Ademais, coordináronse e supervisaron prestacións realizadas por case unha decena de persoas relacionadas con traballos en beneficio da comunidade especialmente destinados a limpeza e mantemento de espazos públicos que foron coordinados por este departamento e o Centro de Inserción Social de Vigo.