A reunión polos lindes entre Pontevedra e Poio crea enfrontamentos con Barro e Meis
Por Oskar Viéitez
A cita entre Pontevedra e Poio para fixar os límites entre ambos os dous municipios concluíu cunha "acta de desconformidade", como era previsible.
O salón de plenos do concello de Poio quedouse pequeno para acoller a todas as partes implicadas nesta discusión, que ten a Xunta como árbitro e o Instituto Xeográfico Nacional como notario para fixar a legalidade neste asunto establecendo os límites nun informe que finalmente será ditaminado pola Administración galega.
Lonxe de alcanzarse un acordo, curiosamente a cita abriu novas frontes de discordia administrativa, neste caso cos concellos de Barro e Meis, polo alto de Monte Castrove. As comunidades de montes de Campaño e San Xoán formulan diferentes divisións do terreo, un pedregal que carece de valor forestal, pero sobre o que se proxecta levantar un parque eólico. En concreto, un aeroxerador estaría situado nestes terreos que se discuten "e iso significa cartos", resumiu o alcalde de Barro, José Antonio Landín.
A reunión mantívose nun ton cordial e moi civilizado, o que deu pé a que Pontevedra e Poio poidan achegar posturas nunha nova reunión sobre este punto concreto do Monte Castrove.
O problema máis grave céntrase na zona da Xunqueira de Alba.
Ao non se encontrar a famosa Pedra Pinela tomada como referencia para marcar as divisións as partes enfrontadas manexan diferentes argumentos para razoar as súas teses.
Aquí a proposta esgrimida polos técnicos pontevedreses co concelleiro de Patrimonio Vicente García Legísima, á fronte, sostén que "é imposible" recoñecer por onde pasa a liña trazada no ano 1889 para dividir A Xunqueira. Por iso, e só nesta zona, acoden ao realizado en 1938, seguindo o trazado da antiga liña ferroviaria a Vilagarcía. Isto deixa en mans do Concello de Pontevedra a totalidade da Xunqueira de Alba "algo que para nós é indefendible", dixo o alcalde de Poio, Luciano Sobral.
Outra cuestión é que se se acepta a proposta do ano 1938, como argumenta o goberno capitalino, o poboado chabolista do Vao sería titularidade de Pontevedra, "pero supoño que non o quereran", chanceou Luciano Sobral, "aí si que temos claro que o plano de 1889 está ben definido", contestou no mesmo ton García Legísima.
Os responsables do Instituto Xeográfico sinalaron que "pode ser un problema" que Pontevedra se acolla a dúas actas diferentes a de 1889 e a de 1938, para establecer a fronteira.
Aquel deslinde de 1938 fíxose "a punta de fusil" e Poio non o acepta por ser unha "imposición" polo que unicamente defende como válida a fronteira anterior, de 1889, que establece a división na canle do río Rons o que sitúa no seu municipio os terreos da Comandancia da Garda Civil e o Parque de Bombeiros e a metade da Xunqueira de Alba.
Outra curiosidade é que tampouco comparte o concello poiense a postura da comunidade de montes de San Salvador de Poio, que reivindica fronte a Campañó a propiedade dunha serie de terreos comprendidos entre o Alto da Tomba e Ponte Cabras. Aquí Poio e Pontevedra van da man fronte á tese que defende Carmen Esperón, presidenta destes comuneiros de San Salvador.
Nun mes volverán reunirse as partes para entregar un último informe baseando os seus argumentos nalgún destes dous deslindes existentes o do século XIX ou o do XX.
A maiores, e á marxe deste encontro os gobernos locais de Pontevedra e Poio estudarán unha nova proposta de deslinde formulada polo municipio poiense que establece a súa proposta de deslinde tomando como referencia a Ponte das Correntes que quedaría no municipio capitalino e a partir de aí o resto sería titularidade de Poio.
Relacionadas:
-
Pontevedra pedirá aclaracións ao informe do Instituto Xeográfico sobre os lindes con Poio
Por Redacción |
-
O PP toma posesión dos terreos da Xunqueira de Alba e reclama o servizo dos Bombeiros
Por Oskar Viéitez |
-
O conflito dos lindes con Pontevedra, próximo a resolverse en favor de Poio
Por Alejandro Espiño |
-
TSXG dá a razón aos comuneiros de San Salvador de Poio e anula un deslinde de 2009
Por Redacción |
-
Pontevedra e Poio negociarán o xoves os seus lindes, sen apenas posibilidades de chegar a acordo
Por Alejandro Espiño |
-
Poio propón que a Ponte das Correntes se tome como linde con Pontevedra
Por Oskar Viéitez |