Investigadores de toda España falarán en Sanxenxo sobre os avances na neuroloxía
Por Redacción
A área sanitaria de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés organiza a terceira edición dun curso de actualización neurolóxica que reunirá o sábado 7 de febreiro, no hotel Carlos I de Sanxenxo, a destacados especialistas e investigadores de toda España.
Coordinadas polo xefe de servizo de Neuroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, Manuel Seijo Martínez, as xornadas teñen como obxectivo unha posta ao día dos últimos avances en diagnóstico e tratamento de patoloxías como ictus, epilepsia, parkinson, esclerose múltiple, cefaleas, enfermidades cerebrovasculares e demencia.
Preto dun centenar de neurólogos, internistas e médicos de atención primaria de centros sanitarios de toda España, actualizarán avances en técnicas de diagnóstico e tratamento deste tipo de doenzas. As enfermidades neurolóxicas son unha parte importante e crecente na asistencia sanitaria e, en concreto no ámbito hospitalario, constitúen unha proporción significativa das causas de ingreso, especialmente o ictus e as enfermidades neurodexenerativas.
A metodoloxía do curso, impartido por expertos prestixiosos nos campos da práctica clínica, a investigación e a docencia, manterá a liña das anteriores edicións: informar sobre os avances máis recentes, buscando un enfoque práctico que permita aos asistentes trasladar estes coñecementos á súa actividade diaria clínica e investigadora, e con tempo tamén para a discusión e o debate.