A Praza de Abastos pechou o ano cun déficit de 222.473 euros
Por Redacción
A Mesa Local de Comercio, o órgano consultivo encargado de debater e informar as actuacións públicas sobre este sector, reuniuse este martes na Casa da Luz baixo a presidencia da concelleira de Promoción Económica, Carlota Román.
O primeiro asunto tratado foi o informe favorable á undécima edición da feira de oportunidades Stock Pontevedra.
A mesa tamén informou favorablemente as solicitudes de subvencións presentadas polas distintas asociacións empresariais locais. Neste punto, Carlota Román lamentou que a convocatoria das subvencións da Xunta de Galicia para mellora de Prazas de Abastos (DOG do pasado 23 de xaneiro) exclúen á cidade de Pontevedra, toda vez que as bases limitan as actuacións aos concellos de menos de 70.000 habitantes. Tamén hai unha liña para a mellora dos espazos onde se celebran feiras ambulantes, pero a convocatoria cínguese aos concellos de menos de 20.000 habitantes.
A concelleira indicou que tratará de paliar esta exclusión acudindo a liñas de subvencións dotadas cos fondos europeos Interreg e Feder, para o que se elaborarán solicitudes ben adaptadas ás bases das distintas convocatorias.
Carlota Román informou a continuación dos resultados da auditoría económica da Praza de Abastos correspondente ao ano 2014, que se saldou cun déficit de 222.473,70 euros, unha cifra que, recalcou a concelleira, obriga a seguir continuando o camiño emprendido cara á modernización deste espazo.
O Concello abriu oito expedientes sancionadores por non pagamento de taxas
O Concello abriu oito expedientes sancionadores por non pagamento de taxas, sete referidos á praza de abastos da rúa Sierra e un ao mercado de Estribela, a outros tantos concesionarios que suman débedas por un valor próximo aos 14.000 euros. Para estes casos o regulamento municipal do mercado de abastos establece a posibilidade de incoar expediente de extinción da concesión.
A concelleira tamén explicou que quedou rematado o proceso de regularización administrativa de todas as concesións unha vez que se convocaron todas as vacantes. Agora estase a traballar na actualización da ordenanza reguladora, que abrirá as portas á instalación de actividades complementarias no primeiro andar do edificio. Ata agora non se podía facer, explicou Carlota Román, e ese labor preparatorio que foi moi laborioso, quedará rematado.
A Concellería tamén explicou as actividades de promoción da actividade comercial emprendidas durante este ano polo seu departamento.
Finalmente, o presidente da Federación Provincial de Comercio anunciou a concesión dun premio ás concellerías de Promoción Económica e de Festas polo seu esforzo no apoio ao comercio local durante este ano.
Relacionadas:
-
Sancionan seis 'praceiras' morosas por non pagar as taxas municipais
Por Oskar Viéitez |
-
María Biempica pide unha xestión eficiente da praza de Abastos
Por Mónica Patxot |
-
O mercado de San Miguel ou La Boquería, referentes para a Praza de Abastos de Pontevedra?
Por Alejandro Espiño |
-
Formación para os novos vendedores do Mercado de Abastos
Por Oskar Viéitez |