O mercado de San Miguel ou La Boquería, referentes para a Praza de Abastos de Pontevedra?
Por Alejandro Espiño
Madrid ou Barcelona son dúas das cidades que buscaron novas fórmulas para revitalizar os seus vellos mercados e prazas de abastos. O mercado de San Miguel, situado ao lado da popular Praza Maior madrileña, reúne unha grande oferta de degustacións gastronómicas. E La Boquería, o mercado máis coñecido da Cidade Condal, abriu tamén as súas portas a novas iniciativas comerciais, converténdose nun punto de grande interese turístico.
Cara a unha idea similar busca camiñar o Concello de Pontevedra. Ante o escaso interese existente para ocupar os postos vacantes, estanse a estudar proxectos que axuden a aumentar o interese dos cidadáns cara á Praza de Abastos da cidade. Estas novas formas de explotación estarían relacionadas, principalmente, coa gastronomía. Esta modalidade xa se probou nos últimos meses con diferentes showcookings e feiras.
Esa é a idea, entre outras, que manexa a concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, para dar un novo aire a unhas instalacións que, a día de hoxe, son tremendamente deficitarias -uns 250.000 euros ao ano-. De aí que se iniciase a redacción dunha nova ordenanza para regular os usos do mercado municipal para, ao mesmo tempo, adaptala á nova lexislación en materia de comercio.
Neste sentido, Carlota Román insistiu en que os horarios da Praza de Abastos "deben adaptarse aos do século XXI" e comezar a abrir tamén polas tardes para ofrecer un mellor servizo aos seus clientes. Ademais, considera que un aspecto a corrixir é o deficiente etiquetado do produto, polo que instou aos praceiros a que os prezos estean "ben claros" e que se informe da orixe do peixe, a carne ou a froita que se vende nas súas instalacións.
Estas reflexións da edil socialista producíronse durante unha rolda de prensa na que informou do proceso de adxudicación dos postos vacantes na praza, que non foi tan satisfactorio como se esperaba. Dos 99 postos que se ofertaron, só se cubriron 11. Trátase de tres postos de venda de froita e hortalizas na planta alta e de oito postos na planta baixa, repartidos nunha panadaría, unha carnizaría e seis postos de peixe fresco.
Tras a conclusión deste procedemento aínda quedan 88 vacantes na Praza de Abastos de Pontevedra, demasiados para rendibilizar unhas instalacións deseñadas para 367 negocios. E sinala que o custo non pode ser escusa para non se animar a explotar un dos postos, xa que o canon oscila, en función do negocio e a súa situación no mercado, entre os 1.936 e os 11.616 euros, un diñeiro que se paga unicamente unha vez.
Ademais, cada praceiro debe pagar mensualmente unha taxa para labores de limpeza e mantemento, cuantificada entre os 15 e os 58 euros, "moito menos dos gastos que xera un negocio en calquera outra parte da cidade", sinalou Carlota Román. Trátase duns prezos, dixo, que levan conxelados dende 2003, ano no que reabriu este mercado tras as súas obras de rehabilitación.
Relacionadas:
-
A Praza de Abastos pechou o ano cun déficit de 222.473 euros
Por Redacción |
-
María Biempica pide unha xestión eficiente da praza de Abastos
Por Mónica Patxot |
-
A tentación vive arriba, volven ao Mercado os doces de convento
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Un gastrobar, barra de viños, tenda e aula-taller: Así será o novo restaurante de Pepe Vieira no Museo
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Formación para os novos vendedores do Mercado de Abastos
Por Oskar Viéitez |
-
Reparan a cuberta de cristal da Praza de Abastos
Por Redacción |