Seis meses de cadea para un home que pirateaba descodificadores de R
Por Redacción
A raiz da reforma do Código Penal en 2004 a manipulación de equipos para usar fraudulentamente o seu sinal pode ser considerada un delito e supoñer para os seus autores penas de cárcere de ata catro anos, ademais de multas e indemnizacións. Perseguir as persoas que cometen estas infraccións converteuse dende entón nunha máxima das Forzas de Seguridade. En setembro, unha desas operacións policiais contra os 'piratas' do sinal televisión deu o seu froito final e permitiu a condena dun individuo que vendía equipos para piratear o sinal de 'R'.
O operador galego acaba de dar a coñecer a resolución. Trátase dunha sentenza exemplificante para meter en cintura a esta nova xeración de piratas ditada polo Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra e supuxo condenar D.L.P. a seis meses de cárcere e a seis meses de multa a razón de catro euros diarios por un delito contra o mercado e os consumidores.
A sentenza recolle tamén a destrución dos descodificadores intervidos durante o operativo policial que permitiu a detención do agora condenado en sentenza firme. A investigación liderouna a Garda Civil e remóntase ao ano 2007.
'R' detectou na súa rede conexións dende equipos piratas
Segundo a información facilitada polo operador de teléfonía e televisión, a investigación que deu lugar a este operativo comezou cando se detectou na rede de 'R a conexión de equipos de descodificación de televisión pirateados. Estes descodificadores manipulados permitían, posteriormente, o visionado en aberto de todas as canles codificadas e de pagamento por visión de R. Denunciados estes feitos, a Garda Civil especializada en delitos telemáticos articulou unha operación que conduciu ao responsable da manipulación e venda destes equipos piratas.
Un ano antes de que fose detido o agora condenado, en 2006, producírase un aluvión de denuncias e arrestos por infraccións simulares. De feito, non é a primeira vez que se ditan sentenzas condenatorias relacionadas co pirateo dos equipos de televisión de R. "Algunhas delas fixéronse firmes a raíz das denuncias que o operador galego foi interpoñendo a medida que detectaba usuarios de descodificadores manipulados nas catro provincias galegas", sinalan dende a compañía.
Só en 2006 celebráronse 300 xuízos por pirateo do sinal de televisión de 'R' (entendendo por pirateto, nesa ocasión, o desfrute fraudulento do servizo de televisión do operador galego tras a manipulación dos equipos por terceiras persoas). De feito, ese ano varias persoas foron condenadas como autoras dunha falta de defraudación das telecomunicacións, uso ilexítimo de terminal de telecomunicacións e dos delitos de estafa e contra a propiedade intelectual.