Agustín Fernández, altofalante de Campañó e Cerponzóns para pedir campos de herba sintética ante Louzán
Por Redacción
O concelleiro de Educación, Deportes e Universidade de Pontevedra, Agustín Fernández González, erixiuse nos últimos días en voceiro de asociacións e clubs de fútbol das parroquias de Campañó e Cerponzóns para demandar á Deputación Provincial de Pontevedra a construción de campos de herba sintética.
Xa hai dous meses o concelleiro de Ordenación do Territorio e voceiro do grupo provincial do BNG, César Mosquera, anunciou no pleno da Deputación que o alcalde de Pontevedra estaba a tramitar esta solicitude co presidente, Rafael Louzán.
Agustín Fernández enviou unha carta a finais da pasada semana ao presidente provincial, Rafael Louzán, expresando o compromiso da súa concellería para colaborar nas iniciativas dos responsables dos dous campos de fútbol para dotalos de herba sintética.
Na misiva explica que recibiu escritos das asociacións da parroquia de Campañó solicitando a construción dun campo de fútbol de herba sintética aproveitando o actualmente existente no lugar de Agueiros e que tamén o club de fútbol Cerponzóns lle manifestou o seu interese por mellorar con superficie de herba sintética o campo existente nesta parroquia.
A Concellería de Educación e Deportes sinala que é sensible ás peticións destes colectivos, que pretenden dotar a Pontevedra de máis espazos deportivos destas características para atender a crecente demanda. Por este motivo, amosan a súa vontade de asinar os convenios de colaboración necesarios para levar adiante as dotacións solicitadas.