A Deputación non arbitrará en Pasarón
Por Oskar Viéitez
Os responsables políticos do Concello e a Deputación alcanzaron un principio de acordo para saldar a débeda da construción do estadio de futbol de Pasarón, que se eleva ata os 600.000 euros.
No pasado mes de agosto, a institución provincial remitiu ao Concello un borrador de convenio para acabar de financiar a obra, que duplicou o seu custo ao pasar dos 7,2 millóns en que se adxudicou a case 16.
Tal e como esixía o goberno local os técnicos provinciales xa aportaron un informe co detalle do financiamento aportado pola Xunta, a terceira pata naquel errado convenio que incluía o complexo lúdico-deportivo da Parda.
Pasarón duplicou o seu custo ao pasar dos 7,2 millóns en que se adxudicou a case 16
Aínda non se aportou toda a documentación demandada polo concelleiro responsable do área de Deportes, Agustín Fernández, quen requiriu as certificacións, planos, incluso a acta de replanteo e de comezo da reforma.
Ademais será necesaria unha exhaustiva inspección antes de que o concello recepcione as obras, unha visita para a que os técnicos xa dispoñen de autoriación, aínda que terán que esperar ata que dispoñan tamén dos planos requiridos, un total de 138.
Outra das discrepancias era que a Deputación asumía que "en caso de conflito ou discrepancia" tería a potestade de ser árbitro para resolver calquera conflito relativo á "celebración de competicións deportivas de carácter oficial promovidas polas distintas federacións deportivas de Galicia".
Agustín Fernández esixiu que o concello asumise esa competencia ao ser o xestor e propietario do Estadio e a Deputación cedeu.