O PSOE reprocha ao Goberno que siga dilatando os prazos e vertendo incertezas sobre o futuro de ENCE
Por Redacción
O grupo socialista, a través da senadora Ángeles Marra, reprochou ao Goberno que siga dilatando os prazos e vertendo incertezas sobre o futuro de ENCE.
Marra reclamou urxencia ao Executivo na resolución do expediente de caducidade para que aclare o futuro da papeleira en Lourizán e recriminoulle a lentitude coa que está a abordar a decisión sobre a prórroga solicitada polo grupo Ence ata concluír o expediente en curso.
A senadora galega mostrouse moi crítica co regulamento da Lei de Costas que aprobou o Goberno e que abre a porta á concesión de prorroga á empresa para continuar a súa actividade en Lourizán máis alá do ano 2018 e limita a capacidade de decisión da Xunta de Galicia que debe emitir un informe determinante, pero non vinculante, sobre a conveniencia da prórroga no prazo de tres meses.
Ángeles Marra recordou que a decisión última a ten o Goberno, polo que debe axilizar o expediente para eliminar as incertezas que pesan sobre a fábrica.
Marra subliñou que o Partido Socialista propón que Ence traslade a súa actividade con todas as garantías a outra zona da provincia de Pontevedra, co obxectivo de manter a actividade económica e os preto de 350 postos de traballo directos asegurando a súa competitividade coa protección do litoral.
A parlamentaria do PSOE lamentou que o regulamento da Lei de Costas prevé 18 meses para resolver o expediente de caducidade, dilatando os prazos e vertendo incertezas sobre o futuro da papeleira.
Relacionadas:
-
A ministra reserva a decisión sobre ENCE ata resolver o expediente de caducidade
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O BNG de Marín critica a falta de diálogo da alcaldesa no expediente de caducidade de ENCE
Por Redacción |
-
O Concello de Pontevedra considera "esperanzador" a ampliación das causas de caducidade de Ence
Por Oskar Viéitez |