A ministra de Medio Ambiente reserva a decisión sobre ENCE ata resolver o expediente de caducidade
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A ministra de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, non podía acudir a Pontevedra sen falar de Ence. Despois de pasar toda a xornada percorrendo a provincia, a última hora da tarde encaixou a pregunta de PontevedraViva entre as risas da conselleira de Mar e Medio Rural, Rosa Quintana: "ya le advertí que le ibas a preguntar y acerté".
O certo é que pouco dixo. García Tejerina explicou que o seu Ministerio está a tramitar o expediente de caducidade da empresa Ence, aínda que non foi capaz de precisar o tempo que tardarán os técnicos en concluír a devandita tramitación, xa que "los plazos se establecen normativamente", precisou a ministra.
"Será el primer paso antes de tomar ninguna decisión, en tanto no esté resuelto nada puede hacerse porque lo establece la Ley de Costas", aclarou García Tejerina, polo que "no se puede pensar en dar o no dar una nueva concesión", concluíu.
A ministra de Medio Ambiente fixo estas declaracións na subdelegación do Goberno en Pontevedra onde, acompañada da Conselleira de Mar, mantivo un encontro con representantes da Asociación de Armadores de Cerco de Galicia, cos que se comprometeu a "tratar de utilizar todos los márgenes de flexibilidad" e negociar coa Comisión de Pesca da UE para "poder ofrecer otras especies de menor interés" que minimicen o efecto das sancións impostas nos anos 2009 e 2010, polas que se detraen 10.000 toneladas da cota de xarda "y que el sector tenga más capacidad de pesca".
En canto á sardiña, anunciou que a próxima semana se celebrará unha reunión no Ministerio para "ordenar" esta pesquería. Neste caso, "lo peor que le podría pasar al sector es que la Comisión le imponga un TAC", advertiu García Tejerina.
Pola súa banda, o representante da Asociación de Armadores de Cerco de Galicia, Andrés García, alertou dos "graves problemas" que atravesa o sector, que está "abocado á desaparición dun 80% da frota" se o Ministerio non lles ofrece unha solución.
Tras o seu paso, o domingo, pola Feira do Cocido de Lalín, a ministra viaxou este luns á conservera boirense Jealsa antes de poñer rumbo a Cambados en barco, visitando de camiño unha batea da ría de Arousa. Ademais coñeceu os bancos marisqueiros do Grove e ás instalacións do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), con sede en Vilaxoán.
Relacionadas:
-
O PSOE reprocha ao Goberno que siga dilatando os prazos e vertendo incertezas sobre o futuro de ENCE
Por Redacción |
-
O Concello de Pontevedra considera "esperanzador" a ampliación das causas de caducidade de Ence
Por Oskar Viéitez |
-
O Estado inclúe "posibles incumprimentos na redución da toxicidade" no expediente de caducidade de ENCE
Por Oskar Viéitez |
-
Rueda entende a inquietude de ENCE por despexar a incerteza sobre o seu futuro
Por Oskar Viéitez |