O paseo litoral entre Sanxenxo e Portonovo quere converterse en 'Sendeiro Azul'
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo aspira a que o paseo costeiro de preto de dez quilómetros existente entre Sanxenxo e Portonovo teña a distinción internacional 'Sendeiro Azul' e, para logralo, a próxima semana enviará a candidatura á Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC).
O galardón 'Sendeiro Azul' está destinado a promover o desenvolvemento sostible das zonas litorais mediante o cumprimento de criterios de calidade que garantan a preservación e mellora das condicións ambientais existentes, a seguridade e facilidade de uso para os visitantes e unha xestión integrada e coherente dos valores naturais, históricos, culturais e etnográficos que conforman o patrimonio litoral.
O proxecto elaborado polo Concello de Sanxenxo incluirá datos sobre a construción, a accesibilidade, a imaxe, sinalización e paneis interpretativos, os materiais empregados, a seguridade e servizos, a situación e o geoposicionamiento do sendeiro, entre outros.
A alcaldesa, Catalina González, adiantou que ao longo do percorrido que une a praia de Caneliñas e o porto deportivo Juan Carlos I a Administración sanxenxina instalará sete paneis xerais que incluirán información do sendeiro, 18 postes indicativos que facilitarán aos usuarios o seguimento do paseo e tres mesas en zonas destacadas que ofrecerán datos de interese sobre eses fitos, que estarán situadas en Portonovo, no Parque Público de Punta Vicaño e no Porto Deportivo de Sanxenxo.
Catalina González engadiu que o paseo entre Portonovo e Sanxenxo constitúe un "importante recurso para fomentar hábitos de vida saudables, que é un dos puntos a valorar por ADEAC" e fixo fincapé na aposta do Goberno que preside por "participar nos programas e campañas nacionais en materia ambiental e de calidade como fórmula idónea no esforzo común de acadar a excelencia deste destino turístico".