O PP denuncia que o Concello pagará 270.000 euros por "mala xestión"
Por Oskar Viéitez
O Grupo municipal do Partido Popular en Pontevedra, denuncia que o Concello tramita nestes días o abono de máis de 270.000 euros en concepto de xuros derivados da "mala xestión" do equipo de goberno do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.
Segundo informa o PP, se hai algunhas semanas se aprobou o pago de 56.809,97 euros a Varela-Villamor por intereses de demora xurdidos tras discrepancias polo custo dunha obra executada por esta empresa, hai algo máis de quince días os concelleiros Raimundo González e Vicente García Legísima subscribiron unha providencia para asumir o desembolso doutros 218.000 por conceptos similares ou por simples atrasos nas liquidacións por obras ou servizos.
"Lores debería esquecerse por un momento de tentar xustificar os soldos dos seus compañeiros"
"O expediente pon unha vez máis en evidencia a mala xestión de numerosas actuacións tramitadas polo goberno municipal, que xa no seu día chamaron a atención dos cidadáns polas súas deficiencias ou pola exasperante lentitude da súa execución", di o voceiro do PP, Jacobo Moreira. "Este foi o caso da rexeneración do arrabal de Santa María, a gardería infantil de Monte Porreiro, o acondicionamento da praia fluvial do Lérez ou moitos outros proxectos de reforma urbana".
Para Moreira resulta "sorprendente a longa relación de demandas admitidas por retardo no abono de certificacións de obras ou na devolución de avais por acopio de materiais ou garantías definitivas".
Os pagos teñen como beneficiarios a empresas que no seu día mantiveron fortes diferenzas co equipo de Miguel Anxo Fernández Lores. Algunhas destas compañías, como Varela-Villamor ou Hidroscivil, terminaron entrando en concurso de acredores.
Neste sentido, Jacobo Moreira, o voceiro municipal do Partido Popular, invita ao alcalde de Pontevedra a facer unha "fonda reflexión" sobre as consecuencias que a súa deficiente xestión está a ter sobre a economía do Concello e os quebrantos que xera en moitas ocasións a empresas e provedores.
"Lores debería esquecerse por un momento de tentar xustificar os soldos dos seus compañeiros, en evidencia sobre todo desde que el decidiu deixar sen salarios á oposición, e preocuparse de mellorar o funcionamento do seu equipo para poder dedicar cartos a investimentos hoxe paralizados ou enterrados nun caixón", sentenciou Moreira.