A conselleira de Sanidade visita as novas dependencias de atención primaria en Carballedo
Por Redacción
A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez, destacou que as novas dependencias de Atención Primaria de Carballedo, "van facilitar a actividade dos nosos profesionais e redundarán en beneficio da cidadanía de Cotobade".
Así o salientou nunha visita este mércores aos novos espazos onde coñeceu de primeira man a posta en marcha do novo dispositivo asistencial, que comezou a funcionar o luns.
A Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés trasladou as dependencias do anterior centro de saúde, emprazado no lugar da Igrexa, á planta baixa do novo inmoble para, deste xeito, reverter ao Concello o local onde se desenvolvía ata o de agora a actividade de Atención Primaria en Carballedo.
A conselleira de Sanidade destacou que esta obra é "un claro exemplo de colaboración entre diferentes administracións públicas en beneficio da cidadanía", pois a obra e o proxecto técnico foron realizados con fondos da Deputación e coa colaboración do Concello, e elo fíxose a partir dun Plan Funcional elaborado polo Servizo Galego de Saúde.