Bueu, noveno concello galego contrario aos festexos taurinos
Por Redacción
O BNG, PSOE e a concelleira non adscrita de Bueu, Laura Ogando, votaron durante o pleno do venres a favor da proposta presentada polo colectivo Touradas fóra de Pontevedra na que se reclamaba un posicionamento por parte da corporación municipal en contra da celebración de corridas e festexos taurinos.
A proposta provocou diferentes reaccións e nas filas do Partido Popular decidiuse absterse. Non obstante, unha das súas concelleiras, Miluca Quintela, posicionouse a favor destas celebracións e emitiu o seu voto en contra da solicitude do colectivo que se opón a estes festexos.
Con esta decisión, Bueu convértese no noveno concello de Galicia e o segundo na provincia de Pontevedra, xunto a Cangas do Morrazo, que mostra o seu rexeitamento ás festas nas que interveñan touros.