A Garda Civil desmonta unha rede de narcotráfico con conexións en Pontevedra
Por Redacción
A Garda Civil detivo 47 persoas e imputou a outras 6 por pertencer presuntamente a unha organización dedicada á importación dende o estranxeiro de substancias estupefacientes para a súa posterior distribución por toda España. Aos detidos impútaselles os delitos de tráfico de drogas e pertenza a organización criminal. Trátase de 22 persoas de nacionalidade marroquí, 16 españois, sete colombianos, un ecuatoriano e un portugués.
Os axentes realizaron doce rexistros domiciliarios, nos que se interviñeron 1.600 quilos de haxix, 20,5 de speed, 10 quilogramos de heroína, 2,1 de cocaína, un quilo de marihuana, cuatro vehículos de alta gama e 110.700 euros en metálico.
A operación, denominada "Koffer", iniciouse cando a Garda Civil comprobou a existencia dunha rede que introducía distintos tipos de droga dende países como Holanda, Marrocos e Colombia para distribuíla no territorio español.
A través dun dispositivo de seguimento foron identificados os integrantes da rede coa detención dos seus membros en Pontevedra, Álava, Biscaia, Guipúscoa, Navarra, Burgos, Ávila, Segovia, Madrid, Málaga, Cádiz e Marrocos.
Na operación, os axentes da Garda Civil contaron coa colaboración de diferentes unidades, entre elas, as do Corpo Nacional de Policía de Pontevedra. Os detidos xunto co material intervido foron postos a disposición do Xulgado Central de Instrución número 1 da Audiencia Nacional de Madrid.