Unha muller resulta ferida tras ser atropelada na rúa Joaquín Costa
Por Redacción
Unha muller resultou ferida leve tras ser atropelada arredor das 14:15 horas deste venres 16 cando camiñaba pola rúa Joaquín Costa. Por causas aínda por determinar, un Audi que circulaba pola zona impactaba contra a muller ante o paso de peóns situado fronte ao colexio das Calasancias.
A muller foi atendida de inmediato por axentes da Policía Nacional e da Policía Local, que cubriron á ferida cunha manta mentres esperaba tombada na beirarrúa ata que chegou unha ambulancia que a trasladou a un centro hospitalario. O atropelo chamou a atención de numerosos peóns que se encontraban nese momento nas proximidades ao colexio.
ACCIDENTE CON FERIDO LEVE
Na noite do xoves producíase, pola súa banda, un accidente ao impactar dous vehículos na rúa Manuel Leiras Pulpeiro que provocou feridas leves nun dos condutores. Ata o lugar achegáronse axentes da Policía Local.