Espazo Ecosocialista ve unha burla na resposta de Fomento sobre a A-57 ao seu paso pola Fracha
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/339/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/53d91a0456-20140730-patxot-espazo-ecosocialista-027.jpg)
© Mónica Patxot
O deputado de Esquerda Plural (IU/ICV-EUiA/CHA), Joan Coscubiela, presentaba unha pregunta parlamentaria o pasado 11 de novembro á ministra de Fomento, Ana Pastor, na que invitaba a negociar coa empresa concesionaria da autoestrada A-9 para recuperar a concesión e convertela en gratuíta en lugar de construír a A-57 que, segundo expoñían, levará consigo danos notables para o Monte da Fracha.
A resposta do Goberno indignou ao grupo Espazo Ecosocialista que considera unha burla a contestación do Ministerio de Fomento nos seguintes termos: "En relación coa información solicitada, indícase que o Goberno analiza as necesidades e a rendibilidade tanto económica coma social das súas actuacións para a elaboración da súa planificación a curto, medio e longo prazo. Na devandita análise tamén se teñen en conta tanto a existencia das autoestradas de peaxe coma as disponibilidades presupostarias".
A agrupación entende que Ana Pastor demostra pouca sensibilidade en relación co ben común natural e, en concreto, co que afecta aos pontevedreses. Dende Espazo Ecosocialista esperan que a proposición non de lei presentada no Congreso dos Deputados siga un percorrido diferente e reitera o seu apoio ao colectivo Salvemos a Fracha para reclamar un cambio de actitude sobre este tema.