O ladrón confeso do Códice Calixtino, no Hospital do Salnés cando debería estar no xulgado
Por Natalia Puga
Ás 9.30 horas deste xoves 15 de xaneiro tiña a súa primeira cita xudicial do mes, pero non acudiu. En lugar de presentarse nos xulgados de Fontiñas, en Santiago de Compostela, estaba no Hospital do Salnés. ÿ José Manuel Fernández Castiñeiras, ex electricista da Catedral de Santiago que confesou ter roubado o Códice Calixtino do templo compostelán.
Fernández Castiñeiras residía coa súa familia en Milladoiro, pero tras ser detido polo roubo do Códice e lograr a liberdade provisional (permaneción encarcerado mentres durou a instrución do caso) mudouse e fixou a súa residencia en Noalla, no Concello de Sanxenxo. Alí tiña un piso de veraneo sobre o que hai sospeitas de se foi adquirido para branquexar diñeiro que extraeu irregularmente da Catedral, pero no último ano estableceu alí o seu domicilio habitual.
Este xoves ergueuse para acudir aos xulgados de Santiago, pero encontrouse mal de saúde presuntamente pola tensión á que estaba sometido pola inminencia de dous xuízos, de modo que acudiu en compañía da súa muller e o seu fillo (ambos os dous imputados tamén no caso do Códice como cómplices) ao Hospital do Salnés. Alí chegou sobre as 8.30 horas, permaneceu unhas horas e cara a mediodía xa recibiu a alta hospitalaria, pero o xulgado xa decidira suspender o xuízo e aprazalo ata os días 12 e 13 de febreiro.
Non era o roubo do Códice o motivo polo que debía comparecer en Santiago. Este xoves e este venres sinalárase o xuízo por outro delito polo que está imputado: roubar a correspondencia privada dos seus veciños de Milladoiro, no Concello de Ames. Teríao estado a facer durante anos por motivos que se descoñecen e chegou a subtraer a algunhas das súas presuntas vítimas documentos importantes como resultados médicos.
O fiscal pide que sexa condenado por 162 delitos contra a intimidade a 18 meses de prisión por cada un dos delitos, isto é, solicítalle unha pena de 243 anos, así como o pagamento dunha multa de 15 meses cunha cota diaria de 30 euros e unha indemnización por "dano moral" de 1.000 euros para 19 das presuntas vítimas. De todos os xeitos, fontes xudiciais apuntan que non chegaría a cumprir máis de 54 meses.
Os veciños tamén exercen a acusación particular e piden que sexa condenado a 36 meses de prisión por cada un dos 295 delitos contra a intimidade que tería cometido, o que suma 885 anos de cárcere, ademais de multas por valor de 5.310.000 euros e indemnizacións de entre 1.100 e 7.800 euros.
Polo roubo do Códice deberá render contas nun xuízo previsto a partir do próximo luns 19 tamén en Santiago e, para garantir que acuda, o xuíz solicitou, a petición do fiscal, que sexa examinado por médicos forenses. Descoñécese cando se relizará este exame médico, pero, en todo caso, será sempre antes do luns, segundo indicou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).