A Fiscalía de Galicia quere que Pontevedra se especialice en investigar a corrupción
Por Natalia Puga
A creación dunha unidade especializada na investigación da delincuencia económica complexa e organizada é, a xuízo do fiscal xefe de Galicia, Carlos Varela, unha "necesidade imperiosa", de aí que elevase unha proposta á Fiscalía Xeral do Estado solicitando a súa implantación. A súa situación non sería aleatoria, senón que a súa idea é que se cree en Pontevedra, por ser a provincia con maior número de asuntos vinculados ao narcotráfico e a outras manifestacións de criminalidade económico-financeira de carácter complexo.
A proposta de Carlos Varela, xa remitida de forma oficial a Madrid, deixa aberta a posibilidade de estender o mesmo modelo a toda a comunidade autónoma, pero recalca a "relevancia social" de que nunha provincia como Pontevedra puidese constituírse unha Sección Especializada para o "combate eficaz desta criminalidade complexa que produce un gran dano social".
Ao respecto, o fiscal superior de Galicia indica que na Fiscalía de Pontevedra se viron "obrigados" a ampliar o número de efectivos na materia. Hai sete anos só traballaban dous fiscais, un deles dedicado a drogas e outro a delitos económicos, na actualidade hai seis en delitos económicos e un liberado de calquera outra actividade dedicado ao tráfico de drogas. Ademais, este último está apoiado por outros tres fiscais máis na tramitación de dilixencias.
Carlos Varela recalca a "relevancia social" de que nunha provincia como Pontevedra puidese constituírse unha Sección Especializada
A unidade existe creada de facto, pero Carlos Varela indica que "adoece dunha verdadeira infraestrutura independente", pois precisaría ser dirixida por un fiscal delegado que actuase en réxime de exclusividade.
O seu ámbito de actuación sería o completo da provincia e as súas atribucións específicas irían dende os delitos puramente económicos aos asuntos derivados da corrupción de carácter económico, o branqueo de diñeiro, o delito de contrabando, as negociacións prohibidas aos funcionarios, as fraudes á seguridade social ou á facenda pública, os societarios, ou as defraudacións intimamente relacionadas con valores negociables, ou as derivadas de libramentos efectuados polo Tribunal de Contas.
Ao respecto, o fiscal superior sinala que Pontevedra, pola súa situación xeográfica, propiciou dende hai moito tempo a existencia de numerosos asuntos relacionados co narcotráfico. A iso uniuse a posibilidade de obtención de grandes sumas de diñeiro derivadas de negocios ilícitos, que fundan a súa existencia, na permisividade de entrada que facilita a vía marítima, especialmente así como a proximidade dunha fronteira permeable cun país veciño (Portugal), a existencia de tres portos de gran movemento de mercadorías e a infraestrutura creada en tempos pasados intimamente relacionada co contrabando de tabaco.
A Fiscalía galega é a primeira de España en demandar a creación desta unidade, que busca unha "mellor planificación, operatividade, aproveitamento e utilización dos recursos dispoñibles", co "obxectivo evidente" de mellorar a eficacia da coordinación e da investigación, contribuír a unha maior celeridade e eficiencia da investigación, apostar por unha maior especialización e permitir unha maior cooperación entre distintas entidades.