Detido por roubar dúas botellas de alcohol nun 'super' e forcexar cun empregado
Por Natalia Puga
A Policía Nacional detivo este mércores un veciño de Pontevedra de 47 anos que minutos antes logrou fuxir dun supermercado da avenida de Vigo tras roubar dúas botellas de alcohol e forcexar cun dos empregados.
Os feitos aconteceron a media mañá no supermercado Mercadona da avenida de Vigo. O presunto ladrón pretendía abandonar o establecemento cun vulto sospeitoso nas costas, de modo que o persoal lle deu o alto. O home reaccionou de forma violenta e deu puñazos e empuxóns a un dos traballadores.
Con esta reacción violenta, logrou librarse do traballador e escapar, pero dende o supermercado deuse aviso inmediato á Policía Nacional, que estableceu un dispositivo de busca polas inmediacións. Os axentes perseguírono por varias rúas como O Gorgullón ou Eduardo Pondal xerando grande expectación cidadá e finalmente lograron darlle o alto ao presunto ladrón á altura da estación de ferrocarril.
Tras localizar o individuo, procederon á súa identificación e detención e os axentes localizaron dúas botellas que presuntamente roubara no supermercado. En concreto, collera unha botella de xenebra e outra de viño lambrusco. Esta última foi localizada escondida entre uns arbustos na rúa Camiño de Ferro.
Os traballadores do supermercado relataron aos axentes da Policía Nacional que o mesmo individuo xa presuntamente intentara roubar varias botellas de viño nunha ocasión anterior. O presunto ladrón está nas dependencias da Comisaría Provincial pendente da súa posta a disposición do Xulgado de Garda.