As familias interesadas en acoller nenos saharauís xa poden apuntarse ao programa 'Vacacións en Paz'
Por Oskar Viéitez
O proxecto de cooperación 'Vacacións en Paz' ten como fin atraer anualmente miles de nenos refuxiados procedentes do deserto do Sahara, para pasar o verán xunto a familias de acollida españolas.
O Concello de Pontevedra foi un dos pioneiros en sumarse a esta iniciativa pero o pasado ano non se asinou o convenio de axuda debido a unha serie de cambios na asociación que impulsa este programa de cooperación na provincia. Despois deste parón, a concellaría de Benestar Social retoma esta colaboración e sufragará os billetes de avión de todos os nenos saharauís que veñan ao municipio este verán.
O propósito é que os menores que residen nos campamentos de refuxiados teñan a posibilidade de viaxar ata Europa xunto ás familias de acollida escapando das altas temperaturas dos meses de verán, pasando unha revisión médica (grazas ao acordo subscrito co Sergas) e tamén practicando o seu segundo idioma, o español.
Hai que dirixirse ás dependencias da Casa Azul ou chamar ao teléfono da asociación 986 26 26 37
A coordinadora deste programa en Pontevedra, Maite Isla, anunciou que dende este martes 13 de xaneiro e ata o próximo 28 de febreiro, está aberto o prazo de inscrición para todas aquelas persoas interesadas en participar. Para iso hai que dirixirse ás dependencias da Casa Azul ou chamar ao teléfono da asociación 986 26 26 37.
Unha vez establecido o contacto, as familias interesadas terán que acudir a reunións e entrevistas, nas que se lles explica como son estes nenos, saber que non van adoptar estes menores, senón só acollelos durante o verán, entre outras cousas.
A crise tamén se notou neste programa solidario. Segundo os datos da asociación, no ano 2006 viñan máis de 16.000 nenos a España, o ano pasado foron só 4.500. Isto supón que os nenos que agora veñen en acollida son maiores, de entre 7 e 8 anos de idade, o que quere dicir que pasarán menos veráns en España xa que o programa de Vacacións en paz é só ata os 13 anos.
Tras chegar a territorio español, os menores saharauís teñen a posibilidade de gozar daquilo que non posúen nos seus fogares habituais, desprázanse para coñecer a cultura española e fundamentalmente recibir o cariño dos que os acollen.