A luxosa aeroliña Fly Emirates inclúe dous Rías Baixas na súa carta de viños
Por Redacción
Viaxar na luxosa compañía aérea Fly Emirates implica tamén ter a posibilidade de degustar a bordo un viño da Denominación de Orixe Rías Baixas. A carta de viños da aeroliña inclúe 60 caldos diferentes de 11 países de todo o mundo, entre eles, oito españois. De Rías Baixas elixiron dous caldos de Meaño e Ribadumia.
'El Jardín de Lucía 2012', da adega Eulogio Pomares Zárate e Hijos de Meaño, e 'Pazo de Barrantes Albariño 2011', da adega Pazo de Barrantes, sérvense nos menús de Business Class segundo a última carta que se deu a coñecer.
Fly Emirates recolle na súa web que a 12.000 metros de altura, o aire é seco e o padal perde sensibilidade, pero certos viños fan fronte a estes retos. Ante esta situación, a tarefa do sommelier é elixir os viños tendo en conta non só cales son os máis adecuados para os menús máis recentes dos seus xefes de cociña, senón tamén os que mellor resistan os rigores do voo.
"Parece que non a todos os viños lles gusta viaxar, pero os esforzos do noso sommelier garanten que aos pasaxeiros amantes dos viños si lles guste", indican. Fly Emirates ofrece unha carta de viños que inclúe algúns dos viños, champaña e oportos máis refinados a nivel mundial, procedentes das rexións produtoras de viño máis famosas da súa ampla rede de rutas.
A última carta na que se inclúen os dous viños de Rías Baixas supón investir máis de 500 millóns de dólares a longo prazo no seu programa de viños.