As exportacións supoñen xa o 28% das vendas dos viños Rías Baixas
Por Redacción
Rías Baixas continúa co seu crecemento constante nos mercados internacionais e consolídase entre os viños preferidos por consumidores dos cinco continentes. Así o demostran os datos de vendas desvelados pola denominación de orixe. Durante 2014, Rías Baixas exportou un total de 5.387.284 litros (7.183.045 botellas), que en valor alcanzaron os 28.340.946 euros.
O mercado exterior xa representa o 28% das vendas en Rías Baixas. Unhas vendas que manteñen os seus niveis, pois en valor crecen un 1,07% mentres que en volume retroceden un 1,18%. "As cifras mostran o posicionamento da marca Rías Baixas nos principais países onde exporta", asegura Juan Gil de Araujo, presidente da denominación.
En canto a destinos, os dez primeiros países epresentan o 83,43% do total exportado. Á cabeza continúa Estados Unidos, con 2.189.258 litros; seguido de Reino Unido, con 735.679 litros. O terceiro posto é para Alemaña, que incrementa as súas compras nun 14,67%, seguida por Holanda, que crece un 78,68%. Completan o ranking Puerto Rico, México, Irlanda, Suíza, Noruega e Suecia.
O secretario xeral da denominación, Ramón Huidobro, destaca que o pasado ano se produciu "unha basculación das exportacións cara ao mercado europeo, onde as vendas crecen nos principais destinos e onde tamén hai un maior número de países que se interesaron polos nosos viños".
Así mesmo, tamén son significativas as cifras rexistradas en destinos como Xapón, cun incremento do 23,35% (94.642 litros); ou Australia, que aumenta as súas vendas en case o 65% (94.238 litros). "Este é o froito do esforzo que dende o Consello Regulador se está a realizar a través de novos plans de promoción en Xapón, Irlanda, Holanda ou México, que se suman a outros xa existentes como Estados Unidos ou Reino Unido e que durante os últimos anos foron dando os seus froitos", matiza Ramón Huidobro.
Os retos para 2015 pasan por seguir avanzando en todos os mercados e dende o Consello Regulador adiantan que estenderán os plans de apoio a todas as adegas de Rías Baixas que aposten pola súa expansión nos mercados internacionais.
Relacionadas:
-
A colleita 2014 dos viños Rías Baixas recibe a cualificación de 'boa'
Por Redacción |
-
O cuatripartito reclamará a sede do Consello Regulador Rías Baixas para Cambados
Por Oskar Viéitez |
-
16 'Masters of wine' gaban as calidades dos viños da D.O. Rías Baixas
Por Redacción |
-
A luxosa aeroliña Fly Emirates inclúe dous Rías Baixas na súa carta de viños
Por Redacción |
-
Rías Baixas exporta menos cantidade de viño pero a un prezo máis caro
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |