O PP de Poio incide en que o futuro PXOM agrava os problemas de estacionamento
Por Redacción
O Partido Popular de Poio, tras recibir o informe da Xunta de Galicia no que sinalan as deficiencias observadas no futuro Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), indica que ese documento redactado polo Goberno local evita resolver o problema do estacionamento e mesmo, segundo os populares, agrávao máis.
Nun comunicado, o PP sinala que actualmente os veciños e visitantes se encontran con problemas de aparcadoiro en núcleos de poboación como San Salvador, Campelo, Combarro, Raxó ou na avenida de San Xoán.
Os populares apuntan que no actual PXOM se recolle que debe haber unha praza de aparcadoiro por vivenda. Denuncian que o novo PXOM contempla a creación de máis de 300 vivendas por ano cunha duración de dúas décadas sen que, segundo o PP, o Goberno local tivese en conta a creación de prazas de estacionamento.
O voceiro popular, Ángel Moldes, sinala que o maior número de sancións e multas por aparcadoiro se producen nos lugares onde o informe da Xunta apunta que faltan zonas para estacionar, segundo Moldes, por causa da mala planificación realizada no seu momento polo Concello ao outorgar licenzas de obra de forma excepcional e sen ter en conta o proposto no PXOM vixente, unha praza mínima por vivenda.
Por este motivo, os populares reclaman o Goberno local que reconsidere a súa postura e pense na creación de prazas "fundamentais para o desenvolvemento dun concello como Poio, disperso e no que o desprazamento en automóbil é imprescindible".