23.000 euros para mellorar o campo da festa de Covelo, na Lama
Por Redacción
O Concello da Lama e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas investirán preto de 23.000 euros en continuar coa mellora e acondicionamento do campo da festa da parroquia de Covelo.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, deu a coñecer este investimento este xoves durante unha vista ao Concello da Lama na que analizou co alcalde, Jorge Canda, a actuación.
Segundo indicou, a Consellería de Medio Ambiente aportará unha axuda de 18.800 euros no marco das axudas destinadas a concellos da Rede Natura. O concello aportará o 21% correspondente ao IVA da obra, co que o investimento global roldará os 22.800 euros.
O alcalde matizou que o obxectivo dos traballos serán labores de acondicionamento do campo das festas de Covelo, co obxectivo de poñer en valor e mellorar todo o seu entorno, instalando mobiliario, reformando o peche e realizando labores de limpeza. "Esta reforma comezou xa en 2013, cando se investiron neste mesmo lugar outros 20.000 euros a través das mesmas axudas á Rede Natura, levando a cabo tarefas de limpeza de toda a área así como traballos de conservación dos muíños situados neste enclave", rematou.
O delegado territorial destacou que estas subvencións veñen a ratificar "o compromiso do Goberno galego coa conservación, coa protección e coa mellora dos parques naturais" en Galicia e, en concreto, en Pontevedra. A provincia é unha das que conta con maior número de concellos acollidos a estas axudas. Investiranse case 676.000 euros en diversos proxectos en 30 municipios.