Pontevedra recorda a Francisco Javier, o policía atropelado por un tren en Madrid tras un forcexo cun detido
Por Natalia Puga
Todos os sindicatos policiais se uniron este luns en Pontevedra para mostrar a súa "dor" polo falecemento de Francisco Javier Ortega del Real, o axente do Corpo Nacional de Policía falecido o venres 2 de xaneiro atropelado por un tren na estación de Renfe Cercanías de Embajadores (Madrid) tras un forcexo cun detido.
Os sindicatos SUP, CEP e SP fuxiron das siglas para convocar xuntos unha concentración silenciosa ás portas da Comisaría como acto de "apoio e homenaxe a Francisco Javier e á súa memoria". Secundárona varias ducias de compañeiros.
A secretaria provincial do Sindicato Unificado de Policía (SUP), Sandra Fernández Rodríguez, falou en nome de todos para eloxiar a "muestra de entrega y sacrificio" do seu compañeiro falecido e extrapolar ese eloxio a todos os servidores da seguridade pública, que dan "lo mejor" de si mesmos "a pesar del desprecio al que nos vienen sometiendo los distintos gobiernos día a día".
Ademais, rexeitou o "desprecio" do ministro do Interior, Jorge Fernández Díaz, que non asistiu ao funeral en memoria do falecido e criticou que os dirixentes policiais e políticos non adopten as medidas legais oportunas para garantir que ante casos como este a bandeira de España poida ondear a media hasta en todas as comisarías.
No caso de Pontevedra, aseguran que a bandeira non ondeou a media hasta e que esta decisión "no tiene nada que ver con el mandato del comisario", senón que "hay un mandato que dice que no se puede ondear la bandera si no viene una orden directa de Madrid".
Relacionadas:
-
Só o 20% dos policías da Comisaría de Pontevedra teñen chaleco antibalas
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Bandeira a media hasta para recordar a Vanessa, unha policía "muy activa y solidaria"
Por Natalia Puga |
-
Duelo e "malestar" entre os policías pontevedreses polo apuñalamento dun compañeiro en Málaga
Por Natalia Puga |