Só o 20% dos policías da Comisaría de Pontevedra teñen chaleco antibalas
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Na Comisaría Provincial do Corpo Nacional de Policía en Pontevedra non todos os axentes teñen asignado chaleco antibalas de uso individual, tan só contan con el o 20% do equipo.
O dato deuno a coñecer este luns o secretario local do Sindicato Unificado de Policía (SUP) Luis Calvo, no transcurso dunha concentración realizada a mediodía ás portas da Comisaría en recordo á oficial Vanessa María Lage Carreira, a policía de 36 anos veciña de Pontevedra falecida o venres en Vigo no transcurso dun tiroteo no que o atracador que lle disparou acabou abatido e morto e o seu compañeiro Vicente Alló Barona ferido de gravidade. Foi a concentración máis numerosa das realizadas nos últimos anos na sede da rúa Joaquín Costa, con preto de 100 persoas, case a metade do persoal, gardando un minuto de silencio.
A comisaría pontevedresa sumouse ás concentracións convoadas en todas as cidades galegas a excepción da de Vigo-Redondela -á que pertencía a falecida-. Todos os sindicatos policiais se uniron, sen siglas, á convocatoria, que adquiriu un ton reivindicativo, pero non esqueceu a necesaria homenaxe a unha compañeira que faleceu en acto de servizo.
Os sindicatos mostráronse críticos coa xestión da Dirección Xeral da Policía e do Ministerio do Interior en canto á dotación de medios aos funcionarios policiais, pois en toda Galicia tan só 300 dos 3.000 axentes teñen chaleco antibalas.
O dato da falta de medios céntrase nos chalecos porque Vanessa Lage non o levaba no momento do seu falecemento. De feito, a Unión Federal de Policía, sindicato ao que pertencía a falecida e ao que está afiliado o subinspector que quedou ferido grave no mesmo tiroteo, Vicente Alló Barona, desvelou que a Unidade de Prevención e Reacción (UPR) de Vigo á que pertencía a falecida tiña ata o venres catro mulleres e non tiña asignado ningún chaleco específico para o xénero feminino. Nesa unidade hai 30 funcionarios e tan só 10 chalecos exteriores de tres quilos de peso e catro máis interiores de uso individual que non foran asignados e seguen na súa embalaxe orixinal.
"Hay chalecos embalados que no sabemos por qué no se reparten"
O SUP recorda á Dirección Xeral a importancia de que se adopten medidas preventivas como os chalecos. No caso dos chalecos xenéricos que se asignan por patrulla e non por persoa, critican que en Pontevedra "hay coches patrulla que no tienen". No caso dos chalecos individuais, reclaman que "que se repartan de una vez".
Luis Calvo recorda que o SUP xa reivindicou "cientos de veces" que se distribúan aos funcionarios, pois na Comisaría "hay chalecos embalados que no sabemos por qué no se reparten". Outros repártense para unidades ou brigadas que non teñen tanto perigo e se dá a cirscuntancia de que na Brigada de Seguridade Cidadá de Pontevedra tan só teñen este medio material "unas 20 persoas". Hai, ademais, axentes que contan con chaleco, pero porque o adquiriron eles mesmos, un gasto que varía entre os 600 e os 900 euros.
As reivindicacións sindicais céntranse tamén nos protocolos de actuación que deben seguir os axentes. Aseguran que Vanessa e o seu compañeiro Vicente Alló "actuaron conforme al protocolo", pero dáse a circunstancia de que "los protocolos no se actualizan" e que mesmo hai algúns que levan sen revisarse 20 anos.
A formación é outro dos seus cabalos de batalla, pois critican que "la formación que recibimos en la Comisaría es a través de los sindicatos policiales". Xa anuncia que é un asunto no que "tendremos que tomar cartas".
Relacionadas:
-
Axentes da Comisaría seguen sen chaleco un ano despois da morte de Vanessa Lage
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Boicot sindical aos actos do patrón da Policía porque a Pontevedra non lle conceden medallas con distintivo vermello
Por Redacción |
-
Sindicatos policiais critican a entrega de chalecos antibalas "con arranxos tipo Pepe Gotera e Otilio"
Por Redacción |
-
"Decepción" entre os sindicatos policiais pola "maquillaxe" da repartición de chalecos antibalas
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra recorda a Francisco Javier, o policía atropelado por un tren en Madrid tras un forcexo cun detido
Por Natalia Puga |
-
Detido por inxuriar á Policía no Facebook a raíz do atraco cunha axente morta en Vigo
Por Natalia Puga |
-
Bandeira a media hasta para recordar a Vanessa, unha policía "muy activa y solidaria"
Por Natalia Puga |
-
A policía falecida nun tiroteo cun atracador en Vigo residía en Pontevedra
Por Natalia Puga |