365.000 euros para cubrir as necesidades básicas dos veciños dos municipios máis pequenos
Por Redacción
Os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia poderán optar á liña de axudas básicas de Emerxencia que acaba de aprobar a Deputación de Pontevedra e á que se destinarán no vindeiro ano 365.000 euros.
A deputada de Servizos Sociais, Marta Iglesias, explicou que estas axudas se basean no decreto aprobado no ano 2012 e aporta os fondos aos concellos para que sexan eles os que as xestionan e reparten.
As axudas xorden co obxecto de lles proporcionar aos 53 concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes apoio económico, de maneira excepcional e extraordinaria, para poderen atender as demandas de urxente e puntual necesidade dos cidadáns do concello que se atopen en situación ou risco de exclusión social, con especial atención a aquelas persoas con menores ó seu cargo que estean nesa situación.
Nas bases hoxe aprobadas, establécese unha contía máxima dispoñible para cada concello da provincia de Pontevedra de menos de 20.000 habitantes, en función da poboación e da porcentaxe de desemprego en relación ó total da súa poboación, respectando as cantidades subvencionadas na convocatoria do ano anterior. Na anterior convocatoria repartíronse, por exemplo, 5.000 euros a municipios do tamaño de Rodeiro e 8.500 a outros de maiores dimensións como Sanxenxo.
Terán prioridade as que vaian destinadas cubrir as necesidades de familias con menores ó seu cargo que se atopen en situación de exclusión social ou en risco de estalo. As axudas son para alimentación, farmacia, produtos de hixiene e limpeza ou uso da vivenda. Neste aspecto, estarán destinadas a posibilitar que se continúe na vivenda habitual; e para o pagamento de débedas de alugueiro que impidan o desafiuzamento, para o pago da hipoteca, de maneira excepcional, cando a contía dunha das cotas sexa inferior a 450 euros e a débeda non sexa maior de seis cotas; para pago de recibos que eviten a perda de subministracións básicas da vivenda e paliar situacións de empobrecemento enerxético: recibo de electricidade, gas, gasóleo ou auga.
O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOP).
Relacionadas:
-
Nas axudas de emerxencia da Deputación aos concellos poderán incluírse gastos de odontoloxía
Por Redacción |
-
Destinan 6,2 millóns a contratar a 1.500 operarios municipais a partir de febreiro
Por Redacción |
-
A Deputación destinará 450.000 euros a proxectos de atención social especializada
Por Redacción |
-
A Deputación destina un millón de euros aos concellos para promoción cultural, social e deportiva
Por Redacción |