A Deputación destina un millón de euros aos concellos para actividades de promoción cultural, social e deportiva
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra vén de aprobar as bases que regularán o Plan de Acción Municipal 2015, co obxecto de apoiar aos concellos da provincia na organización e financiamento de actividades de carácter social, cultural e deportivo.
A esta finalidade, a Administración provincial destinará unha achega de un millón de euros, que os concellos poderán solicitar desde o día seguinte á publicación das bases e ata comezos do mes de febreiro.
As axudas van destinadas ao financiamento de tres grupos de actividades orientadas á dinamización social, cultural e deportiva das entidades locais.
Así, no ámbito cultural financiaranse actividades de difusión, artísticas, lúdicas e formativas e na área deportiva poderán contar con apoio económico a organización ou participación en eventos deportivos, as actividades de fomento do deporte a as de formación deportiva.
Na área social, poderán acollerse a esta liña de axudas as iniciativas destinadas á atención a persoas en risco de exclusión social, as de promoción de hábitos saudables e prevención de drogodependencias, a detección e atención a situacións de emerxencia social e as accións de formación, divulgación e promoción de carácter social.
En 2014, subvencionáronse 215 actividades en toda a provincia, das cales o 40 por cento foron actividades de carácter socio-cultural, 80 festas tradicionais e populares e 50 eventos deportivos.