Investigan a aparición dun Audi calcinado na Fracha
Por Natalia Puga
A Policía Nacional de Pontevedra mantén aberta unha investigación para aclarar as circunstancias da aparición dun coche calcinado no monte da Fracha, nas proximidades do polígono industrial do Campiño, en terreos da parroquia de Marcón.
Fontes policiais teñen confimado que o coche foi localizado o sábado 27 de decembro. Axentes da Brigada de Policía Científica desprazáronse á zona para solicitar probas gráficas e outro tipo de pistas que permitan aclarar o sucedido e a orixe do vehículo.
Ata o momento non hai datos concluíntes sobre cal é o turismo que apareceu calcinado, pero si se sabe que é da marca Audi e nas inmediacións do vehículo apareceu a documentación dun vehículo destas características que roubaran dun garaxe da cidade de Pontevedra, de modo que a principal hipótese que se baralla é que se trata do mesmo turismo.
Segundo as fontes consultadas, o vehículo estaba totalmente calcinado, de modo que a investigación se viu dificultada.
O vehículo localizouno sobre as 17.00 horas do sábado Serafín, un veciño de Pazos, na parroquia de Marcón. Segundo indicou, estaba totalmente desfeito e o incendio tivo que pasar nalgún momento entre a tarde do venres e o sábado, pois pasou pola mesma zona na tarde do venres e non había nada. El ía a cabalo e puxo os feitos en coñecemento da sala do 112 Galicia.