O sábado choverá en toda Galicia
Por Redacción
Informa MeteoGalicia que as altas presións están situadas este venres ao oeste da península Ibérica, quedando Galicia polo tanto no seu radio de acción, aínda que unha baixa localizada en Irlanda introducirá algunhas nubes na metade norte.
Deste xeito, agárdase en xeral un día de ceos con poucas nubes no sur, máis anubrados canto máis ó norte. Haberá néboas en vales do interior localmente persistentes. As temperaturas non terán cambios significativos, con lixeiros descensos das mínimas na metade norte. Os ventos soprarán frouxos de dirección variable pola mañá, tomando unha compoñente oeste a medida que avance a tarde.
A situación muda cara o sábado. A fronte chega a Galicia durante esta xornada. Con esta situación, os ceos estarán anubrados, con precipitacións que comezarán pola tarde polo litoral norte e iranse estendendo progresivamente ata ser xeneralizadas durante a noite. As temperaturas mínimas non terán cambios, mentres que as máximas sufrirán un descenso entre lixeiro e moderado. Os ventos soprarán do sudoeste, moderados, con refachos fortes no extremo norte da Comunidade.
Durante o domingo irase recuperando lentamente a influencia anticiclónica sobre Galicia. Deste xeito, os ceos estarán anubrados, aínda con chuvascos pola mañá. As temperaturas experimentarán un ascenso, que será notable nas mínimas.