A Xunta licita as obras de mellora do abastecemento de A Lama e Antas
Por Redacción
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou o concello de A Lama para anunciar a licitación das obras de mellora do abastecemento nas parroquias de A Lama e Antas, que suporán un investimento de case 1,9 millóns de euros.
O delegado territorial estivo acompañado nesta visita polo alcalde do municipio, Jorge Canda, e o xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez.
Segundo informou José Manuel Cores Tourís, as obras consisten na execución dun novo sistema de abastecemento en alta para as parroquias de A Lama e Antas. "Proxéctase unha nova captación mediante dous pozos filtrantes e a ETAP ao pe do río Verdugo", explicou o delegado territorial.
A ETAP está deseñada para un caudal de 14 litros por segundo, dende a que se bombeará a auga uns 205 metros mediante unha impulsión de tubaxe de fundición de 125 milímetros, ata un novo depósito de cabeceira localizado no Monte Peón, cunha capacidade de 700 metros cúbicos, executado en formigón armado repartido en dous vasos de 350 metros cúbicos.
O novo depósito de cabeceira comunicarase cos depósitos existentes de A Lama, mediante unha condución de fundición de 110 milímetros duns 1.150 metros de lonxitude, así como co depósito do polígono industrial de Racelo, mediante unha condución de fundición de 110 milímetros duns 2.426 metros de lonxitude. A maiores, tamén se conectará co depósito que abastece a parroquia de Antas, mediante un ramal que parte da condución que une o depósito de cabeceira co depósito do polígono, cunha lonxitude duns 300 metros e un diámetro de 90 milímetros de fundición.
O obxectivo destas obras é poder garantir o servizo a unha poboación de case 1.500 habitantes.