1.500 veciños de A Lama e Antas disporán dun novo sistema de abastecemento
Por Redacción
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas adxudicará este mércores as obras para a execución dun novo sistema de abastecemento que dará servizo a preto de 1.500 veciños do Concello da Lama.
O director de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitaron este martes este municipio pontevedrés para abordar este proxecto hidráulico, que consta dunha nova captación e unha estación de tratamento de auga potable (ETAP).
O Goberno galego, a través de Augas de Galicia, achegará un importe económico de 1,8 millóns de euros para a execución destas actuacións, financiando así a totalidade deste proxecto.
Na actualidade, o sistema de abastecemento presenta un funcionamento diferente segundo a época do ano, xa que en inverno a rede aliméntase a través de mananciais que surten tres depósitos situados no Monte do Ceo, e no verán os mananciais e pozos secan, polo que a parroquia da Lama se abastece dos excedentes do bombeo do río Verdugo.
Gonzalo Mosqueira explicou que, mediante estas obras, preténdense levar a cabo os traballos necesarios para dotar a parroquia da Lama dun novo abastecemento que tamén dará servizo á zona de Antas e ao parque empresarial de Racelo.