O PSOE pide explicacións ao Goberno sobre por que non se trasladou a Xefatura de Tráfico
Por Redacción
O PSOE pide explicacións ao Goberno sobre o motivo polo que non se trasladaron a Xefatura Provincial de Tráfico e as oficinas de xestión do Documento Nacional de Identidade (DNI) a un edificio adquirido no barrio de Campolongo e á antiga sede do Banco de España xa reformada na rúa Michelena.
A petición de explicacións realízaa o deputado pontevedrés Guillermo Meijón, que denuncia que rexistrou xa varias preguntas no Congreso dos Deputados en relación coa paralización destas dúas actuacións na cidade de Pontevedra, pero "parece que o Goberno se nega a contestar no Congreso sobre cuestións que non lle interesa dar a coñecer".
O deputado socialista quere saber as razóns que impiden o traslado das oficinas para a xestión do DNI ás instalacións da rúa Michelena e se existe unha decisión definitiva de dar marcha atrás para este traslado. De non ser así, pregunta cal é o calendario que manexa o Goberno para que este traslado sexa unha realidade na cidade.
Guillermo Meijon: "Haberá que esperar pero ao final obteremos resposta"
En relación coas instalacións da Xefatura Provincial de Tráfico, Meijón recorda que o Ministerio do Interior adquirira no ano 2008 por 4,1 millóns de euros un baixo situado entre as rúas Luis Braille e Amado Carballo, no barrio de Campolongo.
O deputado socialista recórdalles que ese baixo tiña como finalidade albergar as instalacións da Xefatura Provincial de Tráfico e presenta unha iniciativa parlamentaria na que pregunta polas razóns que impediron que se procedese ao traslado ou se o Goberno decidiu renunciar a este. No caso contrario, pide ao Goberno "que expoña as datas en que o devandito traslado será unha realidade".
Finalizado xa o prazo regulamentario que o Goberno tiña para responder ás preguntas presentadas no Congreso, Guillermo Meijón indica que "a non contestación en prazo provoca que as devanditas preguntas parlamentarias serán introducidas para a súa resposta oral na orde do día da primeira Comisión desta área que se celebre a partir de febreiro". Advirte que "haberá que esperar pero ao final obteremos resposta".