Arte na rúa para embelecer o contorno da Praza de Abastos
Por Alejandro Espiño
Facer máis visible ao comercio local a través de intervencións artísticas efémeras e poñer en valor os traballos artísticos dos alumnos da Facultade de Belas Artes. ÿ o dobre obxectivo de "Noite Branca", unha actividade cultural que se celebrará no Centro Histórico de Pontevedra o próximo 20 de decembro. Concretamente nas rúas César Boente e Sierra, entre a hora do peche comercial, as 20.00 horas, e as 22.00 horas.
Trátase dun circuíto artístico no que os alumnos de Belas Artes intervirán sobre seis escaparates de locais comerciais baleiros. Usarán a técnica de "branco de España", unha pintura que cobre temporalmente os escaparates das tendas pechadas ou en proceso de renovación. Crearanse así sorprendentes lenzos de cristal que impactarán ao viandante.
Un total de 35 comercios xa se teñen sumado á campaña, segundo adiantou a concelleira de Promoción Económica, Carlota Román. Para elo, realizarán ofertas e promocións especiais para a "Noite Branca". En todos estes establecementos haberá tamén unha intervención artística efémera, que funcionará a modo de reclamo e distintivo da participación na campaña.
A "Noite Branca" contará tamén cunha ruta autoguiada. Utilizarase como recurso sinaléctico a colocación de globos con leds interiores nas rúas onde se sitúan os comercios participantes. Deste xeito facilitarase a visibilidade da proposta e o seguimento para os clientes.
O último elemento será a posta en marcha dun mercado artístico na Casa da Luz, composto por propostas artísticas de estudantes da Facultade de Belas Artes. As obras serán seleccionadas por un xurado especializado, que garanta a calidade e heteroxeneidade. Esta acción ten o dobre obxectivo de dar a coñecer á cidade o traballo que se fai na facultade, e sensibilizar ó alumnado das posibilidades comerciais e produtivas do seu traballo.
Durante a presentación da campaña, a vicedecana de Belas Artes, Silvia García, recoñeceu que ás veces, "a Universidade céntrase tanto na actividade académica e burocrática que fica un tanto desconectada da cidade". De aí que aposta por impulsar ideas que sirvan para que o talento de artistas que "non teñen posibilidade de participar en grandes exposicións, como Arco, ou colocar as súas obras nos museos, podan chegar ao gran público".
Puxo o exemplo dos grafiteros, que normalmente se asocian ao gamberrismo, "cando hai moita xente adherida a este movemento e que traballa sobre plantillas de papel e respectando a pedra e o mobiliario urbano", explicou Silvia García. A vicedecana incidiu na necesidade de que a sociedade entenda que "un artista non é só o que expón nun museo, senón que moitos acaban ilustrando libros infantís ou serán deseñadores, plasmando as súas creacións noutros soportes".