O Porto estrea unha nova liña regular de transporte de colectores
Por Redacción
O buque Cap Beaufort da navieira alemá Hamburg Süd consignado por Marítima Astondo/Joaquín Davila e Cia atracou a primeira hora deste xoves no peirao Reboredo da zona de expansión para inaugurar de forma oficial unha nova liña regular de colectores na que o Porto de Marín é primeira escala europea.
Marín inclúese así no novo servizo EMCS (Europa-México-Caribe) iniciado recentemente por Hamburg Süd e para o que se prevé unha escala semanal. O portacolectores, con 209 metros de eslora e 30 de manga conta con 600 conexións reefer (para mercadoría refrixerada) e máis de 2.500 TEUS de capacidade total.
Realizou en Marín unha dobre operación de carga e descarga de 5.000 toneladas de mercadoría contenerizada.
A chegada desta navieira reafirma as posibilidades internacionais de Termarín, a terminal de colectores do Porto de Marín. Ademais, Hamburg Süd abre novas opcións de exportación e importación dende este porto co continente americano e co Norte de Europa, así como novas perspectivas de alianzas empresariais de cara a aproveitar as sinerxías que ofrece unha ruta transoceánica semanal desta dimensión cuns tempos de tránsito altamente competitivos.
Xa a finais de novembro atracou no peirao Reboredo o buque Cap. Breton de 210 metros de eslora para descargar 2.200 toneladas e cargar máis de 600 de mercadoría en colector. Foi unha primeira escala de comprobación antes do comezo regular do servizo. Nesa ocasión o frigorífico DART de Marín foi o principal receptor da mercadoría descargada deste buque.
Relacionadas:
-
O Porto de Marín alcanzou o mellor resultado en volume de mercadorías dos últimos catro anos
Por Redacción |
-
A ilegalización dos recheos do porto paraliza un investimento de 3,5 millóns de euros
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O buque Frio Pacific estrea as descargas no Peirao Comercial Oeste do Porto de Marín
Por Redacción |
-
Pérez Torres pide 12.000 metros cadrados de concesión no Porto de Marín
Por Redacción |