Beatriz Mato presionará a Defensa no conflito das traballadoras de Cleanet
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, asegurou no Parlamento galego que presionará ao Ministerio de Defensa para resolver a "situación inaceptable", que sofren as empregadas da limpeza da empresa Cleanet ás que a concesionaria debe varias nóminas.
"E exercemos e exerceremos todas as medidas de presión que fagan falta ante o Ministerio de Defensa para que se lle dea unha saída a esta situación inaceptable", asegurou.
"Se a empresa non reacciona", debería irse á "resolución do contrato" como vía para que "as traballadoras poidan desempeñar o seu traballo e reciban os seus salarios", indicou Mato.
En resposta á vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, a conselleira chegou a suxerir que a solución está na rescisión do contrato con esta empresa.
Na súa intervención, Beatriz Mato destacou que a Xunta non ten competencias nesta materia e que depende do ministerio de Pedro Morenés. A titular de Traballo explicou que se levantaron tres actas de infracción, con cualificación de "moi grave" e cunha sanción de 18.000 euros para a empresa, que está en fase de tramitación.