'Sanxenxo, sabor de inverno' reúne ata o día 15 as propostas gastronómicas de 11 restaurantes
Por Redacción
"Promover a calidade dous produtos locais e das elaboracións dos grandes profesionais cos que contamos neste concello" é, en palabras da alcaldesa, o obxectivo de 'Sanxenxo, sabor de inverno', a campaña deseñada por Turismo de Sanxenxo para potenciar a gastronomía do municipio durante as vacacións do Nadal.
Dende este luns e ata o próximo día 15 de xaneiro, un total de once restaurantes ofrecen menús elaborados con produtos de tempada e da zona a un prezo pechado de 18 euros. Ollares da Ría, a Taberna Arca, o restaurante El Rincón de Roberto, A Fonte Vella, A Casa Vella de Miro Pereira, a pulpería Cova de Ons, o Mesón Fontán, a Cafetería Castelao, o Restaurante Fidel, o Mesón Xerfa e a Augusta Spa Resort son os participantes nesta iniciativa.
Con iso, dende Turismo de Sanxenxo buscan impulsar o destino máis alá da tempada de verán "dando a coñecer ás atractivas posibilidades de lecer que este concello ofrece tamén en inverno, para así convertelo nun lugar de visita obrigada fóra dos meses de verán".
E é que tal e como subliñou a alcaldesa, o municipio dispón dunha infraestrutura e tradición hoteleira e hostaleira consolidada "que debemos aproveitar noutras épocas do ano, tendo en conta que a marca Sanxenxo é recoñecida en todo o país e está asociada á calidade, grazas precisamente á implicación dos empresarios do sector, que traballan cóbado con cóbado coa Administración local".
A proposta protagonizada por once restaurantes está ademais complementada por cinco hoteis que ofrecerán descontos a aquelas persoas que degusten algunha das opcións dispoñibles de menús, que poderán beneficiarse de descontos con aloxamento dende 35 euros.
Para incentivar a actividade hostaleira no período do Nadal, a sociedade integrada polo Concello de Sanxenxo e o CETS, realiza unha campaña publicitando esta proposta en medios de comunicación, redes sociais e outros soportes directos.
Á súa vez, os establecementos que se sumaron a esta nova acción de Turismo de Sanxenxo locen nas súas instalacións carteis identificativos que inclúen un código QR a través do que os interesados poden descargarse a información e o mapa de localización.