Urbanismo investiu máis de 3,6 millóns de euros na reforma de 5 hectáreas de espazos urbanos
Por Redacción
O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, fai balance dos anos 2013 e 2014, cun total de 13 rúas completamente rematadas. Da man da Tenencia de Alcaldía Pontevedra viviu unha "transformación espectacular" durante estes dous últimos anos polo impulso ás obras urbanas.
Foron máis de 50.000 metros cadrados de superficie, un investimento que supera os 3,6 millóns de euros e un total de 13 rúas completamente renovadas en superficie e dotadas de modernos servizos e tubaxes baixo terra.
"Unha ampla relación de obras marcada pola máxima calidade na execución, tanto no que se ve como no que non se ve", destaca Louro.
As obras deste exercicio 2014 engádense ás realizadas durante o pasado 2013, cando o seu departamento municipal traballou activamente na pasarela de José Adrio Barreiro, Leiras Pulpeiro (Campolongo), o barrio de Fontesanta, Marqués de Valterra (Estribela) e o ámbito da Subdelegación de Goberno e a facultade de Belas Artes (rúas da Maestranza, Prudencio Landín e Doutor Marescot).
Unha ampla listaxe de melloras das que os veciños xa veñen gozando con total normalidade.
DESPECE DE OBRAS
- Blanco Porto: 394.537 euros (dúas fases).
- Santa Clara: 676.199 euros (máis 65.343 euros do proxecto de escavación arqueolóxica).
- Gonzalo Gallas: 60.000 euros.
- Gerardo Álvarez Limeses: 221.846 euros.
- Víctor Cervera Mercadillo: 131.258 euros.
- Avenida de Lugo: 1.246.480 euros.
- Pasarela de José Adrio Barreiro: 302.396 euros.
- Manuel Leiras Pulpeiro: 220.618 euros.
- Barrio de Fontesanta: 120.152 euros.
- Praza de Marqués de Valterra: 95.670 euros.
- Maestranza: 60.000 euros.
- Prudencio Landín: 60.458 euros.
- Doutor Marescot: 60.450 euros.
"O signo común de todas estas obras foi a máxima calidade no deseño e na execución", indica o responsable municipal de Urbanismo. Tratouse de obras integrais, con substitución total dos servizos soterrados para mellorar o saneamento, o abastecemento de auga e a recollida das pluviais, en espazos que, en todos os casos, levaban décadas sen beneficiarse dunha actuación municipal en profundidade.