Estragan a balaustrada de pedra da capela do Casteliño
Por Redacción
Un novo acto de vandalismo causou importantes estragos no patrimonio histórico de ponte Caldelas. En concreto, o goberno municipal denuncia que esta fin de semana se volveron producir graves danos na capela-monumento ao Sagrado Corazón de Xesús, coñecido popularmente como "O Casteliño", e que está situado na zona do Castelo, no monte próximo á igrexa parroquial de Santa Baia.
Esta vez derrubaron parte da balaustrada de pedra que rodea esta capela, que é un dos monumentos máis coñecidos e visitados do municipio.
O Concello está a estudar fórmulas para evitar que os vándalos poidan acceder en coche ao recinto, "aínda que o certo é que con mala fe é moi doado provocar estragos", sinalan.
Ademais, entenden que as medidas para restrinxir o acceso de vehículos tamén provocarían molestias naquelas persoas maiores ou con discapacidade que se ven privadas da posibilidade de chegar ao monumento e gozar tamén das súas extraordinarias vistas.
Esta capela xa foi obxecto en anos anteriores de distintos actos vandálicos así como de varios roubos tanto dos focos de iluminación do monumento coma dos seus petos de ánimas.